
12 novembro 2009
Prensa-Escola é un programa de La Voz de Galicia, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia, para que o xornal chegue á escola e se convirta nun importante elemento pedagóxico e didáctico no proceso de aprendizaxe dos alumnos.
Un equipo composto por medio centenar de pedagogos, científicos e xornalistas desenvolven e manteñen activas as súas principais liñas de acción:
RECURSOS PARA TRABALLAR CO XORNAL
Suplemento LA VOZ DE LA ESCUELA
La Voz de la Escuela é o suplemento educativo dedicado expresamente á comunidade escolar que publica La Voz de Galicia cada mércores con información de interese para entender o xornal e orientacións sobre como traballar coas noticias dende un punto de vista pedagóxico e didáctico.
Xornais para traballar na aula
Prensa-Escola facilita ás aulas inscritas no programa ata un máximo de 25 exemplares do xornal para que traballen con eles en clase, durante os días do curso que se acordan con cada profesor.
A web do programa renovará este curso a súa imaxe e os seus contidos. Esta plataforma educativa e interactiva, ademais de recoller información actualizada sobre as novas do programa, pon a disposición da comunidade escolar recursos e diverso material didáctico para traballar co xornal na aula. Tamén conta cunha área de consulta para que profesores e alumnos entren en contacto co noso equipo de xornalistas, pedagogos e científicos.
Blogues de aula
Dende a súa posta en marcha hai catro anos, esta iniciativa pioneira no eido da prensa na escola foise consolidando ata conformar unha das comunidades educativas máis importantes da rede. Con cerca de 250 bitácoras en activo e 3.370 usuarios, o seu obxectivo é achegar aos escolares ao mundo de Internet e as novas tecnoloxías, e ofrecerlles un novo soporte para que plasmen as súas ideas e testemuños, ademais das actividades relacionadas coa prensa ao longo do curso.
Haberá premios para as mellores bitácoras.
ACTIVIDADES PARA PROFESORES
Cursos de formación
Co fin de que os profesores traballen de forma eficaz co diario na clase, impártese formación específica sobre como aplicar as noticias no proceso de aprendizaxe do alumno. Actualmente, están funcionando tres cursos:
Tamén se imparten obradoiros de blogues para docentes co obxectivo de dotar ao profesorado implicado no programa Prensa-Escola das competencias necesarias en novas tecnoloxías para crear un blogue e administralo a través da CMS Wordpress.
Todos estes cursos están homologados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Concurso para profesores “Experiencias didácticas con el periódico en el aula”
A cuarta convocatoria do Concurso Experiencias Didácticas con el Periódico en el Aula xa está en marcha. O obxectivo deste certame é recoñecer as mellores iniciativas didácticas sobre o uso da prensa na clase que se desenvolvan ao longo do curso académico. Ademais de premios en metálico, os gañadores verán publicadas as súas experiencias. Para participar no concurso é preciso inscribirse antes do 15 de novembro do 2009.
ACTIVIDADES PARA OS ALUMNOS
Concurso “Mejor Periodista Infantil y Juvenil”
O programa convoca este ano o VII Concurso Mejor Periodista Infantil y Juvenil. O certame, aberto a toda a comunidade escolar galega, busca que os alumnos, dende educación infantil ata bacharelato e formación profesional, se familiaricen coa lectura e o manexo do xornal e desenvolvan a súa capacidade de exposición e redacción baseándose en informacións publicadas na edición impresa ou dixital de La Voz de Galicia (Mellor Xornalista Infantil) ou en traballos orixinais de elaboración propia (Mellor Xornalista Xuvenil).
Os galardóns entregaranse no marco da festa de fin de curso de Voz Natura, o programa medioambiental de La Voz de Galicia, á que acoden cada ano máis de 30.000 persoas.
Charlas de xornalistas
A través destas charlas os profesionais de La Voz de Galicia achegan aos alumnos ao día a día dun xornal ofrecéndolles a posibilidade de formular aquelas cuestións que lles resulten de maior interese, xa sexa sobre temas relacionados co traballo nun diario ou co mundo dos medios de comunicación en xeral.
Visitas ás instalacións de La Voz de Galicia
As aulas poden participar no programa de visitas ás instalacións centrais de La Voz de Galicia que organiza a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A través dun percorrido pola redacción do diario, a planta de impresión —rotativa e sala de expedición e peche—, o almacén de papel e o Museo, os alumnos poden coñecer de cerca cal é o ciclo completo da elaboración das noticias ata que chegan ao quiosco e á web.
MATERIAL DE APOIO
Durante o curso, Prensa-Escola reparte diverso material didáctico entre as aulas participantes. As guías e a documentación elaboradas polos nosos expertos serven de apoio ao traballo de clase co xornal como ferramenta de aprendizaxe.
A Guía do Profesor A está dedicada á noticia; a Guía do Profesor B/C, ao xornal, e a Guía do Profesor D, editada no presente curso, á orientación educativa.
Outro recurso importante, que se pode consultar na web, son os 60 e-studos de noticias publicados nestes tres últimos anos aos que se engadirán outros 20 neste curso. Cada e-studo é unha unidade didáctica sobre temas de actualidade elaborada a partir de noticias publicadas no xornal.
ASESORAMENTO E ORIENTACIÓN
Prensa-Escola manterase ao longo do curso escolar en permanente contacto cos profesores inscritos co fin de asesoralos e orientalos en cada unha das actividades, das que se realiza un seguimento continuado.
COMO PARTICIPAR?
Os profesores que queiran participar en Prensa-Escola poderán solicitar a inscrición de cinco aulas como máximo, de entre os seguintes cursos: quinto e sexto de primaria, ESO, bacharelato, FP e educación especial.
Para iso deberán cubrir o formulario de reserva de praza que encontrarán na web do programa: www.prensaescuela.es (sección “Quen somos”).
A reserva non garante a entrada inmediata no programa, que dependerá do número de prazas que queden vacantes unha vez que os docentes do curso 2008-2009 confirmen a súa continuidade no programa, posto que estes terán preferencia sobre os novos.
CONTACTO
Aberta a inscrición
Investiu 1 millón de euros nas instalacións
Caixa Galicia cede o seu local da rúa Parrote a esta ONG para recadar fondos e atender a persoas en situación de vulnerabilidade social. Estará aberto ata finais de setembro
O centro leva oito anos difundindo o uso das novas tecnoloxías da comunicación nesta cidade
Catro millóns de persoas benefícianse cada ano das instalacións da súa rede de 92 centros sociais e culturais en Galicia
A caixa galega reforza accións anticíclicas para combater o desemprego
O Centro Xerontolóxico mellora e personaliza a atención sociosanitaria a persoas con trastornos de comportamento
Editou tres publicacións sobre dependencia, avellentamento activo e saudable, e estimulación cognitiva de persoas maiores
Organizada en colaboración coa Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría
Tamén elaborou unha guía especial Ano Xacobeo: practica un camiño sostible
Pódese descargar gratuitamente dunha web interactiva na que ademais as persoas maiores poden participar publicando as súas lembranzas, vivencias e anécdotas.
Xa podes solicitar a publicación deste programa, posto en marcha por Obra Social Caixa Galicia, para mellorar a atención e a memoria de persoas maiores
© 2008 Obra Social Caixa Galicia . Todos os dereitos reservados.