"Operación carballo" nos Centros de Maiores da Obra Social de Caixa GaliciaA Obra Social de Caixa Galicia considera a protección do medio ambiente como unha tarefa permanente e unha parte fundamental das súas actividades e, por iso, comprométese a colaborar activamente na repoboación dos bosques. Para acadar ese fin, desenvolveuse a actividade coñecida como "Operación carballo", iniciativa de Canal Ciencia que leva xa varios anos a aplicala con excelentes resultados.
Máis de 2.300 novos carballos foron plantados en 2007 nas principais cidades de Galicia, tras xermolar e crecer ao coidado da rede dos Centros de Maiores da Obra Social de Caixa Galicia.
A “Operación carballo”
Concibida como unha actuación de reforestación e de educación ambiental ao mesmo tempo, Operación carballo naceu en 2006 co propósito de frear a perda de bosques debida aos incendios e outras cousas.
A primeira fase da “Operación carballo” desenvolveuse entre setembro e outubro de 2006. Tras seren recollidas en distintas carballeiras da xeografía galega, as landras foron trasladadas aos Centros de Maiores de Caixa Galicia e coidadosamente seleccionadas. Plantadas en pequenos recipientes, ao longo do inverno foron xermolando e abrindo as súas tenras follas, ata se converteren en pequenas árbores de 15 cm de altura.
Segunda fase da “Operación carballo”
Durante os meses de abril e maio de 2007 desenvolveuse a segunda fase deste programa. Estiveron acompañados nalgúns casos por mozos e nenos que xa dende o primeiro momento axudaron neste labor. En terreos cedidos para este fin polos concellos ou outras entidades que colaboran neste programa -Concellos da Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Santiago, Pontedueme e Parque Natural Fragas do Eume (Xunta de Galicia) e a Comunidade de Montes de Viveiro-, que ademais puxeron á disposición deste programa o seu persoal de xardinería, plantáronse 1.320 pequenos carballos.
Este labor estivo acompañado dun programa de educación ambiental destinado a explicar en cada Centro de Maiores a importancia dos carballos para a conservación da biodiversidade galega. Así, antes da plantación instalouse en cada Centro unha exposición sobre a ecoloxía do carballo, as especies de flora e fauna que acolle, os diferentes bosques autóctonos de Galicia e o papel da propia Operación carballo na recuperación deste patrimonio natural. Unha charla dunha hora de duración, apoiada nun audiovisual, insistiu nestes conceptos e tratou do papel que cada cidadán, sexa cal sexa a súa idade, xoga á hora de inclinar a balanza cara á preservación da natureza en xeral, e en particular dos bosques galegos.
Por último, repartiuse un folleto denominado “Pequeno manual do plantabosques” cunhas sinxelas instrucións sobre como plantar un carballo.
Plantacións realizadas
Caixa Galicia inicia un programa de voluntariado ambiental para MaioresO Centro de Maiores da Obra Social de Caixa Galicia de Ferrol iniciou, coa chegada do inverno, un programa de voluntariado ambiental no que os protagonistas son os seus Maiores. Un grupo de socios do Centro trasladarase periodicamente ao Monte Mougá para facer un seguimento do estado das árbores plantadas na primavera pasada. A iniciativa, que nun futuro se estenderá a máis Centros de Maiores, pretende que estes se ocupen, con coidados silvícolas menores, das tarefas de coidado e mantemento das árbores que se plantaron o ano pasado no programa de Operación carballo, contribuíndo deste xeito á recuperación de zonas especialmente degradadas converténdoas en espazos de especial interese ecolóxico.
|