"Operación carballo" dirixida a centros escolares

A Obra Social de Caixa Galicia considera a protección do medio como unha tarefa permanente e unha parte fundamental das súas actividades e, por isto, comprométese a colaborar activamente na repoboación dos bosques. Para acadar ese fin, participa na actividade coñecida como "Operación carballo", iniciativa de Canal Ciencia que leva anos a aplicala con moi bos resultados.

Con esta actividade, na que están a participar 63 centros escolares e os centros da Obra Socialde Caixa Galicia (Centros de Maiores, Residencia La Ciudad, Escolas Infantís e Centro On) sensibilizados coa importancia do medio para o desenvolvemento sostible de Galicia, preténdese que os participantes establezan unha relación de respecto e amizade coas árbores autóctonas do país.

A "Operación carballo" entra na súa segunda fase co traslado aos viveiros das pequenas árbores.

"A Operación carballo"

O carballo está considerado o rei des fragas europeas, sobre as súa pólas e baixo elas sosteñen centos de especies animais e vexetais, fungos e bacterias, imprescindibles para o mantemento da diversidade biolóxica galega. O carballo é unha peza clave para a recuperación ecolóxica do país e unha protección natural contra o lume.

A "Operación carballo" comezou a súa andaina o ano pasado, como resposta á onda de incendios forestais que ao longo do verán arrasaron tantos montes galegos. Na recollida de landras participaron máis de 4.000 escolares de 63 centros da nosa Comunidade e máis dun milleiro de persoas procedentes dos Centros de Obra Social, que recolleron miles de landras nas carballeiras de Galicia das que naceron xa 6.000 pequenas árbores.

Esa primera fase da "Operación carballo" desenvoloveuse entre setembro e decembro de 2006. As landras foron plantadas en pequenos recipientes, ao longo do inverno foron xermolando e abrindo as súas tenras follas, ata se converteren en pequenas árbores de 15 cm de altura. Coa recolleita de landras e a súa posterior plantación nos envases reciclables, demos por concluída a primeira fase deste programa.

Segunda fase da "Operación carballo"

Os carballos dos centros escolares foron trasladados a un viveiro, onde os coidarán e despois de acadaren a altura suficiente procederase á súa plantación definitiva nalgunha fraga próxima ao centro escolar. Mentres, os alumnos poderán visitar o viveiro no que están aloxadas as árbores.

Terceira fase da "Operación carballo"

Despois de que os carballos acaden a altura suficiente,  comunicarémosllelo aos centros escolares para iniciar a terceira fase da “Operación carballo” e proceder á súa plantación definitiva nalgún bosque próximo ao centro. A época ideal para plantar as árbores será o vindeiro inverno.